jueves, 4 de diciembre de 2008

novo emprendedor de catorce anos

Elio Guion, un alumno de 14 anos do Instituto Rosalía de Castro, acaba de gañar o primeiro premio do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant: Galician Research and Development Center in Advanced Telecommunications).
O seu invento chámase Infrared Tracker (seguidor de traxectoria de infravermellos), e tardou en construílo só cinco días.
Elio colleu unha gorra que tiña na súa casa e púxolle unha estrutura fixa de arames a cuxo final únense luces led. Engadiulle uns cables para interconectalo todo, e rematouno cun interruptor. Todo o sistema funciona con dúas pilas de 1,5 voltios.
O propio Elio explica para que serve este dispositivo: "Xogo moito cun simulador de voo e, para incrementar o nivel de realismo, quería que se notasen na pantalla os movementos da miña cabeza ao pilotar o avión". Así, desde a súa gorra, as led envían infravermellos a unha cámara web conectada á computadora e á que se lle engadiu un filtro de luz. A pantalla do PC mostra entón, e tras introducir o correspondente software, as imaxes do xogo con distintas perspectivas segundo os movementos que efectúa o usuario: adiante, atrás, cara aos lados, desde arriba, abaixo, etcétera.
"Existen algúns sistemas que xa permiten facer isto, pero o problema é que teñen un custo moi elevado", argumenta tamén o inventor, que fixo un investimento de pouco máis de 4 euros en construír este aparello.
Persoas sen mobilidade
Ademais de ter un uso moi práctico nos programas de xogos por computador, esta gorra sería de gran utilidade para os arquitectos. E é que os que utilizasen este invento poderían moverse polo interior dos seus debuxos coma se fose realidade virtual, o que faría máis cómodo o seu traballo. A Elio tamén lle gustaría que a súa creación aplicásese na navegación aérea, pois non en balde el quere ser piloto no futuro. Pero, sobre todo, a gorra que creou podería axudar ás persoas que teñen problemas de mobilidade nas súas mans e brazos. E é que poderían navegar por Internet, cambiar de fiestra ou activar o zoom cun simple movemento de cabeza

No hay comentarios: